|
Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez
Aerófonos
Os aerófonos de
embocadura de bisel (frautas de todo xénero) son seguramente os
instrumentos musicais de vento máis antigos. Son empregados en todas as épocas
e pola maioría das culturas, desde a máis sinxela frauta de Pan (varias canas
de diferente lonxitude atadas cun cordel, cada unha das cales produce unha soa
nota) ás máis evolucionadas frautas modernas. Aínda que as frautas son
xeralmente tubulares, tamén poden ser globulares como as ocarinas.
Divídense en tres grupos
principais:
As que se sopran por unha extremidade de tubo sen maiores modificacións (frautas
de Pan ou syrinx).
As que posúen unha canle ou conduto
que dirixe o aire cara ao bisel (pitos, frautas doces, ocarinas).
As
frautas traveseiras, nas que a extremidade superior está pechada e o aire entra
directamente por un burato aberto nun lateral do tubo.
A súa orixe posiblemente
sexa oriental e chegadas a Europa na Idade Media.
Por non termos instrumentos
desta época que teñan chegado aos nosos días, as nosas fontes de información son
pinturas,
debuxos en manuscritos, referencias ao instrumento na literatura antiga ou os
gravados en madeira ou pedra.
Chifre
de Afiador
É unha variante
da frauta de Pan.
Empregado por
afiadores e paragüeiros (afiadores de navallas e coitelos, amañadores de
louza...) e capadores, para anunciar a súa presenza nos pobos e vilas.
En moitos casos
están construídos do mesmo xeito que a frauta de Pan, con tubos de cana natural.
Outras, facíanse
con ósos de paraugas vellos, graduada a lonxitude e soldados, mais o
característico do instrumento é a súa construción nun anaco de madeira (buxo,
pau rosa e incluso marfil) tallada, normalmente en forma de cabeza de cabalo.
O número de
buratos (e polo tanto de notas), varía entre nove e trece. Teñen distintas
lonxitudes e están cegos polo fondo.
Non teñen unha
tonalidade definida.
O xeito de
tocalo é o mesmo que a siringa, quizais algo máis difícil por teren os buratos
menor diámetro.
As melodías eran
moi variadas e van desde simples movementos sonoros, ascendentes e descendentes
feitos a gran velocidade, a auténticas muiñeiras.
Frauta
de Pan
A orixe
etimolóxica do termo "frauta de Pan", atopámola na mitoloxía grega.
O deus Pan nun gravado do 1722 de Filippo Bonanni.
Os gregos
influídos por esta tradición, chamárona “Syrinx polykálamos” (frauta policálamo),
e á frauta dun só corpo “Syrinx monokálamo”.
Frauta de Pan nun
relevo galorromano atopado en Vaison,
Museo Calvet, Aviñón.
Atopámola
desde o Extremo Oriente até Sudamérica pasando polas rexións dos Balcáns e
mediterráneas de Europa e no Pirineo francés.
A música
medieval europea empregou durante moito tempo a frauta de Pan, chamada "frestel"
en francés antigo.
Podían
presentar dous aspectos distintos: canas atadas entre si, ou unha serie de condutos abertos practicados nunha peza de madeira, que sen dúbida é o antecesor
do noso "chifre de afiadores e capadores". Algunhas frautas primitivas, tiñan
tubos de igual lonxitude que se acurtaban interiormente con cera para afinar.
O son, acádase
soprando sobre o burato superior de cada cana ou furado, que ao ter distintos
tamaños dan notas distintas.
En Galicia foi
un instrumento de pasatempo pastoril e tamén se empregou en ocasións facendo a
función de chifre de afiadores e capadores.
Pito
O pito galego,
como todas as frautas, foi un instrumento de pasatempos pastoril, mais pouco a
poco foi acadando unha perfección que lle confire dúas oitavas cromáticas, ideal
para tocar el só, acompañando á voz, con percusión, zanfonas, requintas ou con
gaitas.
Ten características
similares á frauta de pico, mais cunha diferenza que radica na dixitación, que é
moi similar á da gaita.
Esta característica é a que
o converte nun instrumento especial, xa que a técnica e a articulación da frauta
mestúrase coa
dixitación da gaita, podendo empregarse tamén picados e ornamentos de dedos
propios dela. Unha das funcións do pito era e segue a ser a dun instrumento de
estudo previo á gaita ou para exercitarse sen o volume ou a aparatosidade de
transporte desta.
Antigamente,
fabricado con cana ou sabugueiro por nenos e afeccionados e logo, con buxo e
outras madeiras de importación como granadillo.
Pode que noutro
tempo a súa forma fose ben distinta a como hoxe se coñece:
“... y que la
flauta travesera, o de forma alemana, en sus distintos tamaños, de ordinaria,
tercerola y flautín, vino a sustituir al pito de boquilla biselada y de
cuatro agujeros que, quintando daban más de una octava...” (Cancioneiro
Castrosampedro, pax. 203).
Aquí, fálase dun
pito de "catro" buratos, cando actualmente o máis elaborado ten oito (supoñendo
que se refira ao mesmo instrumento).
Tal como o
coñecemos hoxe estivo a piques de desaparecer.
Basilio Carril,
artesán de Santiago e Paulino Pérez de Lugo, foron os últimos construtores
coñecidos que os fabricaban tradicionalmente en Mi bemol.
Seguindo un
modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construción cunha
innovación: a tonalidade de Re, ideal para acompañar a outros instrumentos como
a zanfona, requinta ou gaita.
O artesán Miguel
Mosquera, discípulo de Corral, aumentou a tonalidade a Sol e recentemente a Do
soprano e Re tenor, ampliando así as súas
posibilidades interpretativas.
As
características do pito son
(medidas para o de
tonalidade en Re):
Interior
con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel.
Está
formado por dúas pezas:
- Boquilla con
bisel, onde se produce o son. Mide uns 11 cm.
- A cana con
sete buratos frontais, un ou dous deles pode ser dobre (os das notas Re e Mi
graves), e outro na parte dorsal para o polgar da man esquerda. Mide uns 22 cm.
Ten un
tamaño total de 32 cm, que pode variar en función da tonalidade.
Fabrícase
tradicionalmente en madeira de buxo, aínda que agora se están a empregar
outras madeiras de importación como o granadillo.
A extensión
musical do pito é de aproximadamente dúas oitavas cromáticas máis dúas notas
no sobreagudo, o que lle permite tocar en calquera tonalidade, aínda que as
máis empregadas sexan Re, Sol e Do.
A súa
dixitación é semellante á da gaita, polo que tamén se emprega para a
aprendizaxe desta; de feito, gran parte dos vellos gaiteiros aprenderon neles,
fabricados en cana ou sabugueiro, antes de poder mercar unha gaita.
Pitos en tonalidade
de Sol, Do e Re. Artesán: Miguel Mosquera.
O nome vén do
italiano "ocarina", que significa "oca pequena", e converteuse no termo xenérico
para as frautas deste tipo en todo o mundo.
A ocarina de
cerámica, ten probablemente máis de 12.000 anos de antigüidade. Chifres pequenos
con forma de paxaros ou outros animais, feitos de terra cocida, sábese deles na
India ou China hai 6.000 anos aproximadamente.
Entre as
reliquias arqueolóxicas, hai un instrumento chinés de vento en forma de ovo; o "Xun",
feito de barro, con seis buratos e unha abertura para a embocadura. O Xun ten
unha historia de máis de 7.000 anos.
Tamén foron
empregadas na África negra e na América precolombina por aztecas, maias e incas.
Cada membro da tribo dos indios do val do Ulua de Honduras, tiña unha ocarina
personalizada, e ao tocar, podía ser recoñecido polos demais membros.
Normalmente
empréganse como instrumento de chamada ou reclamo, mais tamén se empregaban para
marcar o ritmo na danza.
É un instrumento
de corpo xeralmente ovalado, e tanto en Asia, África ou América presentan as
mesmas características e similitude en canto á forma e material empregados na
súa construción.
Posúe unha
embocadura en canle onde se produce o son ao soprar, e un número variable de
buratos que, tapando ou destapando cos dedos ao tempo que sopramos, dan as
distintas notas.
A ocarina
moderna foi inventada polo italiano Giuseppe Donati no ano 1853. Constrúese en
metal cunha embocadura en canle e oito buratos que dan os sons comprendidos na
oitava.
Acadou gran
popularidade e incluso se lle engadiron chaves.
As que se teñen
empregado en Galicia son de barro cocido e incluso algunha de chumbo.
Seguramente eran de importación, non sabéndose de ningún artesán que as fixese
antes de que o artesán Manuel Barreiro O Paparolo se asentase en Santiago
para fabricalas en barro cocido e nas dúas formas básicas:
forma
elíptica, con oito buratos colocados case en liña recta, na parte superior e
dous na inferior, para os polgares.
forma ovalada,
con catro buratos na parte frontal, formando un cadrado (que se tapan cos dedos
índice e medio de cada man), e un na parte dorsal para o polgar da man esquerda.
Constrúense en
varias tonalidades, variando o tamaño, e teñen un timbre suave, "oco", case sen
harmónicos superiores.
En Galicia recuperárona grupos folk a partires da década dos
setenta.
Frauta
Traveseira
A frauta
traveseira é basicamente un tubo cilíndrico ou cónico, pechado na cabeza e
aberto no outro extremo. A cabeza contén a embocadura, que nos
instrumentos máis antigos é un sinxelo burato por onde se empuxa o aire para
producir o son.
Unha das
representacións máis antigas que se coñece data do s.XI, e atópase nun salterio
de orixe bizantina conservado na British Library; nunha das súas miniaturas,
aparece o rei David tocando unha frauta traveseira.
Tanto
as traveseiras como as rectas ou de pico, xa eran coñecidas nas antigas
civilizacións mesopotámicas, como mostran diversas iconografías que datan do III
ou IV milenio a. C.
Na Idade Media e no Renacemento
eran dunha soa peza cilíndrica e seis buratos para a
dixitación, e tiña unha embocadura redonda e bastante pequena.
A lonxitude era de 71,6 cm e o diámetro de 1,8 cm.
Miniatura n.º 240 das Cantigas de Santa María de Afonso X O
Sabio. S.XIII.
Aínda que tivo
certa importancia, era menos aprezada que a de pico, que estaba máis
perfeccionada. Tamén se empregou como instrumento militar (piffano ou
fiffaro). A España, chegan da man dos soldados suízos contratados polos Reis
Católicos, e axiña se xeraliza o seu emprego na milicia como instrumento para
dar os toques para a loita e os servizos (Recoller, Camiñar,
Marcha, Retirada, etc.).
Tamén sen
dúbida, o Camiño de Santiago foi unha vía de chegada de frautas de Europa, o
mesmo que do resto dos instrumentos.
Na segunda
metade do s.XVII comézanse a construír frautas traveseiras con
tubos interiores (taladros) cónicos e cunha chave para o maimiño da man
dereita.
En Europa
xeralízase o seu emprego tanto entre os músicos profesionais como entre os
afeccionados. A frauta doce é pouco a pouco substituída pola traveseira,
instrumento talvez de maior expresividade, con maior potencia sonora e con
diferentes cores nos seus rexistros.
O
instrumento na súa versión culta ou máis elaborada, consta de tres pezas:
cabeza, corpo e pé, como tamén de tres partes constan as nosas frautas de
morfoloxía máis sinxela.
Posteriormente, o corpo ou parte central que tiña os seis
buratos foi dividido en dous, cada un con tres buratos para cada man.
Traverso de buxo con chave (1750).
No Barroco,
a afinación das orquestras e agrupacións de cámara non é uniforme, polo que os
fabricantes constrúen varios corpos de recambio, até sete de distintos tamaños,
para poder adaptarse a estas variacións.
A finais do s.XVIII fóronse engadindo
chaves para acadar de xeito máis doado as notas cromáticas, e poder
tocar nas tonalidades que a música de cada período esixía.
Frautas de granadillo con cinco chaves e granadillo con cabeza de marfil con
nove chaves.
Na metade do s.XIX, Theobald Boehm
(1793-1881), frautista e inventor, fai unha gran transformación na frauta
traveseira. Ideou un sistema de chaves que logo influenciou a
todos os demais instrumentos de vento.
Frauta moderna sistema Boehm.
Boehm trocou o
taladro cónico por un cilíndrico, pero perforando na frauta todos
os buratos necesarios e do diámetro axeitado para dar todas as notas da escala
cromática.
No
s.XIX a afinación temperada reemprazou ás afinacións empregadas anteriormente, e
os instrumentos tiveron que adaptarse a estas esixencias.
En Galicia, as máis sinxelas foron fabricadas
por pastores con materiais da natureza como canas ou sabugueiro, que xa
traen un furado natural e só cómpre engadir o burato da embocadura e os da
dixitación. Moitos gaiteiros vellos iniciáronse antes con estas frautas.
Frauta pastoril portuguesa de sabugueiro.
Posteriormente,
nun intento de acadar unha mellor calidade sonora e de afinación, pasou a
fabricarse en madeira de buxo, aínda que na actualidade se empreguen outras
madeiras de importación como granadillo, pau rosa, cocobolo etc., que debido á
súa dureza, ofrecen un son nítido e de gran calidade.
Entre as
características xerais da frauta traveseira galega podemos destacar as
seguintes:
Pertence aos
instrumentos da familia de vento madeira de bisel e das frautas traveseiras.
Constrúense en
tres, catro ou cinco pezas, que encaixan unhas noutras, e teñen un tapón que se
coloca no extremo da embocadura e serve para corrixir a afinación.
A fura
interior é cónica, con máis diámetro na parte da embocadura.
Constrúense en
varios tamaños en función da tonalidade.
Teñen seis
buratos frontais, e algunhas teñen unha ou máis chaves que aumentan o seu
cromatismo.
A súa
extensión é de aproximadamente dúas oitavas, mais iso depende de varios
factores, entre os que podemos destacar:
As
características propias da zona.
O número de
chaves.
O saber facer
do artesán que a constrúe.
A técnica do
executante.
Aínda que as hai
en varias tonalidades, a de Sol quizais sexa a máis empregada, sobre todo para
tocar con gaitas en Do, aínda que ela por si soa tamén pode facer a festa,
habendo moitas citas que así o demostran.
As frautas de
tonalidade de Do e Re agudos, son máis pequenas e tamén se lles chama "Pífanos"
ou "Pínfanos". Estes nomes empréganse en numerosas ocasións para referirse aos “frautíns”,
que son frautas tamén en Re agudo, na maioría dos casos de importación, e poden
ter até cinco chaves.
Gaiteiros de Soutelo con frautín. Ano 1919.
A que se
constrúe en tres pezas, pode levar anelado de corno ou metal como prata
ou ser totalmente de madeira. Estas partes chámanse popularmente:
Cabeza ou
embocadura, onde vai o burato que orixina o son, e ademais, é a peza de
maior diámetro. Mide uns 15,5 cm e ten un furado cilíndrico. A embocadura ten un
tapón incrustado duns 3,5 cm de longo que serve para afinar a frauta.
Corpo ou
corpo central, onde se colocan os dedos da man esquerda. Mide uns 16 cm e
ten un furado cónico inverso (máis ancho cara á embocadura).
Pé ou parte
final, onde se colocan os dedos da man dereita e as chaves, no caso de
que as leve. Mide uns 16 cm e ten un furado cilíndrico.
Na súa forma, é
similar ao tipo de frauta que se construíu en Europa na segunda metade do
s.XVII, con tubos interiores cónicos e á que tamén se lle engadía unha chave.
A frauta
traveseira galega, que por tradición conta con máis pezas, é a que se atopa na
zona do Ulla. Coñécese co nome de “requinta”.
Ten unhas características propias, tanto na morfoloxía como na
dixitación, debido quizais á evolución que seguiu nas mans dos propios
artesáns da zona.
A requinta é moi popular no acompañamento das gaitas e incluso
define á agrupación que a emprega. Ex.
Grupo de
requinteiros “A requinta de Carcacía”.
Frauta do Ulla: requinta.
A dixitación
tamén pode cambiar dunhas frautas a outras, seguramente, no empeño dos artesáns
de acadar a máxima afinación e extensión do instrumento.
Están formadas
por cinco pezas:
Embocadura
ou pecho dos beizos, onde se produce o son. Mide uns 16 cm e ten un furado
cilíndrico. A embocadura ten un tapón incrustado duns 3,5 cm de longo que serve
para afinar a frauta.
Barrilete,
peza con forma de barril como o seu nome indica. É onde se afina. Mide uns 7,6
cm e tamén ten un furado cilíndrico.
Terceiro
pecho ou primeiro corpo, onde se colocan os dedos da man esquerda. Mide uns
16,5 cm e ten o furado cónico inverso.
Cuarto
pecho ou segundo corpo, onde se colocan os dedos da man dereita. Mide uns
11,7 cm e ten furado cónico inverso.
Pecho da chave
ou pecho da clave, cun burato con chave que se acciona co maimiño da man dereita.
Mide uns 7,6 cm e furado cónico inverso. |