Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

      

Idiófonos

[ Percutidos ] Entrechocados ] Raspados ] Sacudidos ] Punteados ]

 

 

  • Charrasco

                       

 

Instrumento formado por un longo mastro de madeira, cuberto de goma no lado inferior para petar no chan, ao que se lle engade un bastidor (de forma cadrada ou rectangular) na parte superior, tamén de madeira, cheo de ferreñas, tanto ao redor del como a través.

Posúe ademais un cable que vai desde o bastidor á parte intermedia do mango apoiado nun pau perpendicular a este.

O xeito de tocalo é golpeando co instrumento no chan, e cun pau dentado duns 50 cm de longo chamado serrón,  golpear no cable (para acadar un son seco) ou ben rozalo cos dentes do pau (para facer repeniques).

É un instrumento moi vistoso á hora de tocalo, así como fatigoso, de potente sonoridade e con grandes posibilidades rítmicas.

   

 

 

 

 

 

Xaquín Míguez O Xocas, gaiteiro e artesán de Pazos, tocando o charrasco.

 

 

  • Ferriños

              

 

 

Instrumento formado por unha pequena barra de aceiro pregada en forma triangular e aberto nun vértice para favorecer o son.

Suxéitase cun pequeno cordel e percútese con outra pequena barra ou baqueta tamén de aceiro.

Aínda que non se considera un instrumento con moita historia xa se empregaba na Idade Media quedando reflectido nunha das vidreiras do s.XIII da catedral de León.

 

 

Tocador de ferriños no banco do retablo da igrexa de Santa María de Meiraos (Folgoso do Courel, Lugo, 1614).

O musicólogo Faustino Santalices refírese a el como un instrumento acompañante preferido polos tocadores de zanfona.

 

  • Aixada, Legón, Sacho ou Sacha

 

 

Ferramenta de traballo empregado en ocasións para acompañar o canto; unhas veces polos camiños, cando se ía ou se viña de facer os labores do campo, ou tamén nos descansos e ao remate destes.

O xeito de tocalo é golpeando a ritmo cunha pedra dura, ou mellor cun coio, na parte metálica.

En moitos pobos galegos os veciños axúdanse uns aos outros, dándose casos de xuntarse moita xente para traballar unha leira. En ocasións había “piques” sobre quen bulía máis no traballo polo que se facían dous grupos repartindo a leira a traballar en partes iguais. O grupo que remataba primeiro “botáballe a aña”, que non eran máis que cantos acompañados cos instrumentos de labranza e con algo de ironía e burla.

Tamén é empregado como instrumento acompañante no folión do entroido en Manzaneda ou Viana do Bolo.

 

 

  • Fouce

  

 

 

Ferramenta de traballo que como outras moitas a imaxinación popular converteu en instrumento.

En ocasións cantábase ao seu ritmo para aliviar e coordenar o esforzo dos traballadores en labores que en moitas ocasións son rítmicas.

Outras veces era nos descansos destas faenas cando se botaba man dela para acompañar calquera cantiga, ben golpeando algún obxecto contra ela (pedra, coio ou algún metal), e outras percutindo coa propia fouce contra outro obxecto como o testo dunha pota.

 

  • Lata

         

 

 

Son unha mostra do sentido de reciclaxe na vida tradicional.

Normalmente eran latas de pemento baleiras, ideais polo seu tamaño e ás que, en ocasións, se lle quitaba a tapa para unha mellor sonoridade.

Tamén hai quen prefire tocalas coa tapa introducindo no seu interior papel de periódico.

Un xeito de tocala é sentado colocando a lata enriba das pernas levando o ritmo cas mans e cos dedos.

Era un xeito económico de substituír a un pandeiro no acompañamento das cantigas.

 

 

  • Tixola   

    

 

 

Este utensilio de cociña era empregado como instrumento en numerosas ocasións acompañando o canto.

Un xeito de tocala é apoiando o extremo do mango á altura do ombreiro, coa parte convexa da tixola cara arriba suxeitándoa cunha man. Coa outra man márcase o ritmo golpeando no mango, bordo e fondo, mediante unha chave ou ben co mango dunha culler ou garfo metálicos. 

 

  • Testo

          

 

 

Trátase doutro instrumento accidental do que se bota man en calquer momento para acompañar unha cantiga. Tócase percutindo nel a ritmo con outro obxecto metálico coma un garfo, coitelo...

 

  • Prato

 

  

 

 

 

Consiste nun chamado “prato de porcelana” e que se percute ben cun garfo, coitelo... ou con dedais colocados nos dedos.  

 

 

  • Morteiro

 

 

Trátase neste caso doutro utensilio de cociña empregado como instrumento musical.

Está formado por dúas pezas, un recipiente no que se colocan os productos que se queren triturar e un mazo co que se golpean.

Os materiais empregados na súa construción son moi variados: madeiras normalmente duras, metais como o bronce, pedra, mármore...

O xeito máis común de tocalo é collendo o mazo e golpear no fondo do morteiro acompañando ritmicamente as cantigas. Tamén se pode repenicar golpeando contra as paredes laterais.

O timbre varía en función do tamaño e do material empregado na súa construción.

VOLVER