|
Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez
Idiófonos
Consiste xeralmente nun pequeno marco de metal e con forma de ferradura que ten adosado unha especie de lingüeta ou balea flexible, normalmente fabricada no mesmo material que o marco. O seu tamaño varía en función da súa tonalidade. Un xeito de tocalo é collendo o birimbao coa man esquerda e situalo entre os dentes e os beizos (sen mordelo), co fin de que a nosa boca faga de caixa de resonancia, ao tempo que se golpea a lingüeta, suave e ritmicamente co dedo medio ou indicador da man dereita. Facendo variacións na posición da boca (abrindo e pechando a gorxa), da lingua e do alento, acádanse diversos sons da escala harmónica. Atopáronse restos deste instrumento que se remontan á época romana aínda que a súa orixe sitúase na Asia setentrional varios milenios antes de Cristo e fabricado en bambú.
Pode empregarse só, acompañando á voz ou a calquer outro instrumento, facendo a melodía ou un bordón ideal harmónico-rítmico. É preciso sinalar que na zona da Fonsagrada (Lugo), este instrumento acadou un profundo arraigo e unha gran técnica; con tocadores, que executan con gran mestría todo tipo de pezas tradicionais.
|