Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

     

Cordófonos

[ Zanfona ] Violín ]

 

 

 

 

  • Zanfona

              

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Instrumento cunha gran variedade terminolóxica que responde á súa propia evolución.

En español posúe varios nomes, como "viola de rueda", "viola de ciego", ademais dos nomes derivados de "sinfonía", que proceden do latín "symphonia", como zanfona ou zanfoña, que é como se chama en Galicia.

A diferencia dos demais instrumentos, pénsase que a súa orixe é europea.

As primeiras referencias da zanfona, témolas no s.X co nome de "organistrum", chamado así, posiblemente por producir varios sons ao mesmo tempo (organum).

Pertence á familia dos cordófonos, e está formado por un resoador e un teclado. O son prodúcese ao fretar as cordas cunha roda, untada con resina, que era accionada por un manubrio situado no extremo esquerdo do resoador (vista frontalmente).

O organistrum era tocado por dous músicos, xa que coa súa lonxitude, un só músico non dá accionado ao mesmo tempo o manubrio e o teclado.

As primeiras representacións do organistrum témolas no Pórtico da Gloria  da Catedral de Santiago de Compostela (s.XII).

Ademais en Galicia, temos outro nunha ménsula do Pazo de Xelmírez e un terceiro no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense (s.XIII).

 

Organistrum no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. s.XIII.

 

En peor estado de conservación, está o de San Martiño de Agudelo (Pontevedra) e o de San Xoán de Portomarín (Lugo).

Dentro da península ibérica temos outras representacións en Estella (Navarra) ou Toro (Zamora).

Tamén aparece en países como Francia, Escocia, Alemaña ou a República Checa, aínda que con algunhas variacións no resoador ou no número de teclas, mais sempre con tres cordas, o que fai supoñer que estaba dedicado á polifonía.

O organistrum evolucionou pasando a ser un instrumento portátil, con caixa rectangular tal como aparece nas miniaturas das Cantigas de Santa María do rei Afonso X O Sabio.

 

 

Miniatura n.º 160 das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio. s.XIII.

 

 

 

 

 

 

 

 

Pasa a chamarse  "symphonia", e será tocada por un só músico, colocándoa sobre as pernas ou de pé atada á cintura cunha correa.

Foi moi empregada no medievo como instrumento dos xograres da Escola Lírica Galaico-Portuguesa, e mantivo a súa plenitude até o s.XV.

Nesta época comeza a ser rexeitada de ambientes cultos e comeza un lento mais progresivo retroceso, caendo en mans de cegos e mendigos que rematan desprestixiándoa ao tocar sen escola e en pésimas condicións.

Aínda no s.XVI ten unha notable representación iconográfica, mais pasa a chamarse xa por algúns "lyra mendicorum", lira de mendigos ou viola de cegos en castelán, xa que era moi frecuente a figura do músico cego cantando romances e cantigas nas prazas dos pobos ou nos camiños.

Deste xeito, a finais do s.XVII está practicamente extinguida.

En Galicia e neste mesmo século, aínda se ensinaba a tocar a zanfona, e os tocadores admitían aprendices por medio de público contrato para ensinarlles o oficio.

No s.XVIII ten un importante rexurdimento en Francia nos reinados de Luís XIV e Luís XV por estar de moda o bucólico e pastoril, o que fai que se recupere a zanfona para os ambientes e festas campestres que se realizan nos xardíns dos palacios.

En Francia pasa a chamarse "vielle à roue" e na súa construción empréganse as mellores madeiras e todo tipo de ornamentacións con marfil e nácara. Aparece un gran número de métodos para a súa aprendizaxe.

A mediados do XVIII, tamén xorde un tipo de "viola de roda" con moita aceptación durante o rococó chamada "vielle organisée", aínda que se universalizou co nome italiano de "lira organizzatta", equivalente ao alemán "orgel-leier" e ao inglés "hurdy-gurdy".

Trátase dunha zanfona normal con caixa en forma de guitarra, duns 75 cm. de lonxitude, á que se lle engaden un ou dous xogos frautados a xeito dun órgano, situados lateralmente en disposición horizontal.

A manivela que facía xirar a roda, accionaba ao mesmo tempo un fol situado no centro da caixa que alimentaba os tubos.

O teclado tiña un dispositivo que abría ao mesmo tempo dúas válvulas facendo soar os tubos. Estes, soaban a unha oitava aguda do son que producían as cordas.

Os tubos e as cordas podían soar de xeito independente.

As primeiras representacións da zanfona na nosa terra témolas no Pórtico de San Bartolomeu o Vello (s.XIV, Pontevedra), no banco do retablo de Santa Mª de Meiraos (s.XVII, Lugo) e no cantoral de San Martiño Pinario (s.XVIII), no que aparece o cego tocador de zanfona acompañado dun tocador de ferriños.

 

 

O cego de Pedrenda co seu lazarillo. Francisco Zagala 1885.

Museo de Pontevedra.

 

En Galicia o seu rexurdimento veu da man de:

Perfecto Feijóo (1858-1935). Boticario  pontevedrés. Director, gaiteiro e zanfonista do coro Aires d’a terra, co que fai en 1904 a primeira gravación de zanfona da historia de España.

 

 

Perfecto Feijóo

 

 

- Faustino Santalices (Bande 1877- Madrid 1960), quen despois de numerosas investigacións, fai que volva soar da súa man no Pazo de Xelmírez un 27 de Xullo de 1952, presentándoa así en público.

Ao longo da súa vida, fixo dúas sesións de gravacións. A primeira no ano 1927 e a segunda no ano 1949, cando contaba xa con 73 anos de idade.

Todo este material discográfico que fora gravado pola casa Regal e Columbia respectivamente, é  reeditado nun só CD no ano 2004 por BOA- Do Fol:

Faustino Santalices. Gravacións históricas de zanfona 

 

Fixo o primeiro método español chamado La zanfona no ano 1956, que serviu e serve de base para todos aqueles que deciden achegarse a este instrumento.

 

 

Faustino Santalices

Co apoio da Deputación de Lugo, fundou nesa cidade un Taller-Escola de Instrumentos Galegos. Deste xeito, a zanfona chegou aos nosos días, onde segue un proceso de perfeccionamento na man de mestres artesáns que continúan o labor que no seu día comezou Santalices.

A súa ténica de execución tamén se pode aprender en diversas escolas de música, e cada vez son máis os que se senten atraídos polo son rústico deste ancestral instrumento.

 

Funcionamento:

 

 

A zanfona sen protector da roda e coa tapa do teclado lavantada, onde se aprecian os tempereiros.

 

 

 

Detalle do manubrio e das cinco cordas sobre a roda.

O mesmo que o organistrum, a zanfona pertence á familia dos instrumentos de corda fretada. Ao mover o manubrio coa man, este fai xirar a roda que ao rozar as cordas producen o son.

 

A zanfona ten cinco cordas; unhas de tripa (1ª e 2ª cantantes) e outras de tripa entorchada con metal (3ª cantante e bordóns):

  • Tres cordas cantantes que van dentro da caixa do teclado. A través duns tempereiros aloxados no teclado, varíase a lonxitude da corda ao pulsar a tecla, producindo sons máis agudos canto máis curta sexa a corda e ao revés, máis graves canto máis longa.

  • Dúas cordas que soan ao aire facendo de bordón e determinan a súa tonalidade.

 

ZANFONA EN DO

1ª e 2ª cantantes en SOL

3ª corda cantante e 1º bordón en SOL 

2º bordón en DO 

 

ZANFONA EN SOL

 

1ª e 2ª cantantes en RE

3ª corda cantante e 1º bordón en RE

2º bordón en SOL

 

 VOLVER