Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

                   

Prólogo

 

 

 

A tradición é a transmisión de costumes ou feitos, de xeito xeracional, ao longo do tempo e conservados así por un pobo. Nesta era de globalización e tecnoloxía, vivimos dentro dunha sociedade na que os recursos inicialmente utilizados polos nosos ancestros xa non son necesarios. Quen emprega musicalmente, de xeito natural, unha fouce cando xa a substituímos por unha rozadora? A tradición oral dun fiadeiro xa non ten sentido fronte ás novas canles, dígase Internet, telefonía móbil, MP3, etc. Agora ben, eu pregúntome: somos tan diferentes as xeracións pasadas das novas sen a tradición? Se exceptuamos a indumentaria, o ton melódico e o contexto, en que se diferencia unha regueifa dun combate de "rapeiros"? A emisión sonora de pratos de metal, botellas, tixolas, etc., fronte á utilización de bidóns de gasolina, andamiaxes e cubos de plástico?

A tradición está necesariamente ligada á continuidade, se esta última se perde a primeira premisa convértese en historia.

Eu sacrifiquei parte da miña traxectoria como artesán, para dedicala ao ensino, precisamente para que a transmisión dera como froito esa permanencia do saber ao longo do tempo. Fíxeno sen complexos, abrindo a miña experiencia ás novas xeracións e bebendo das súas enriquecedoras novidades. A vida é unha corrente medrante infinita. É unha suma de todo. A xuventude ten a necesidade de avanzar e a obriga de saber, se non queren sentirse perdidos. Quizais ao que hoxe lle chamamos tradición estea condenado a ser historia coma tal, pero eu avogo polo optimismo. A historia coma a tradición son os alicerces da humanidade. Uns transmítense de xeito case xenético, reproducindo elementos unha e outra vez ao longo do tempo inconscientemente. Outra a través da continuidade oral do grupo ao que pertence o individuo e, finalmente, mediante a necesaria recompilación de datos plasmados en publicacións que faciliten esa transmisión que, doutro xeito, perderíase irremediablemente.

O libro que Moisés Quintas nos amosa, resume á perfección o meu particular concepto do futuro da tradición. O respecto e agarimo polas novas xeracións ás que deixar un legado. Un legado de coñecementos históricos e actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e tradicionais galegos. Unha base para que os rapaces e rapazas sintan curiosidade polo pasado, presente, e sexan así mesmo, posibles continuadores e enriquecedores de futuro.

                                                                                                             A. Corral