Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

Aerófonos

Lingüeta

Simple ] Dobre ] [ Mixta ]

 

 

 

  • Gaita

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A súa etimoloxía procede do gótico "Gaits", que significa cabuxa ou cabra, xa que tradicionalmente o fol da gaita case sempre se fixo co seu pelexo.

Aínda que as súas orixes son dubidosas, si podemos asegurar que xa en Grecia se empregou un instrumento aerófono de lingüeta chamado "aulos" (especie de caramillo dobre) xunguido cun fol.

Este antecesor da actual gaita chamábase "áskaulos".

Según se pode aprezar en antigas pinturas e esculturas gregas e romanas, algúns "auletas" (tocadores de aulos), poñían unha especie de bozo ou correa de coiro que colocaban ao redor das meixelas e ataban detrás da cabeza. Tiña unha abertura para a boca por onde sopraba e a súa función era mellorar o son, cansarse menos e non desfigurar a cara coa presión que facían ao tocar.

O fol da gaita substituíu o bozo, achegando ao executante máis descanso e comodidade sen desfigurar o rostro nas longas sesións de música.

Nos textos latinos xa se fala máis concretamente da gaita baixo o nome de "tibia utricularis", como un dos instrumentos que tocaba Nerón.

Durante os últimos tempos de dominación romana déixase de ter referencia dela até a Idade Media, cando foi introducida en Europa polos pobos nórdicos, acadando especial arraigamento nos pobos da zona costeira do Atlántico.

Temos representacións iconográficas onde aparece a gaita datadas na segunda metade do s.X. Era un tipo de gaita sen bordón, xa que este non chegou a empregarse de xeito frecuente até o último terzo do s.XIII.

Esta gaita sen bordón pódese ver nas miniaturas das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio; aínda que tamén aparece representada outra con varios roncos.

 

 

 

 

Miniaturas n.º 260 e 350 das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio. S.XIII.

 

sen roncos

con roncos

O primeiro ronco que se engade é rematado en campá e posteriormente hai unha tendencia a aumentar o número de roncos que máis ou menos queda establecido en tres a comezos do s.XVII, chegando algúns exemplares até cinco, como no caso da gaita tipo “musette”.

Durante a Idade Media, o Camiño de Santiago foi de vital importancia para a súa difusión a cargo dos peregrinos que viñan e ían de Galicia, por entón o centro gaiteiril máis importante de Europa.

Como testemuño quedan diversas representacións iconográficas e pictóricas en fachadas, capiteis, retablos ou vidreiras de igrexas e catedrais.

Das que existen en Galicia podemos citar un capitel románico do s.XII en Melide, onde aparece un gaiteiro tocando unha gaita con roncón (actualmente no Museo de Pontevedra). Igrexa de Santa Mariña de Esposende. S.XII-XIII. Ribadavia. Capitel do s.XIV da igrexa conventual de San Francisco de Ourense. No cadeirado do coro da igrexa de San Salvador de Celanova do s.XVI tamén aparece un gaiteiro, así como no Retablo da Expectación da Catedral de Tui feito por Antonio del Villar no 1722 ou na sancristía tallado en madeira en 1715 por Domingo Rodríguez.

Retablo da expectación na catedral de Tui. Adoración do neno. Antonio del Villar, 1722.

Retablo no Museo Diocesano de Tui  procedente de San Salvador de Piñeiro, s. XVIII.

 

A gaita tal como a coñecemos tradicionalmente hoxe en Galicia posúe variantes na forma polo número de bordóns e na tonalidade.

Forma:

  • Só un bordón ou ronco.

  • Con ronco e ronqueta.

  • Con ronco e chillón.

  • Con ronco, ronqueta e chillón.

Tonalidade:

  • Grileira en Re.

  • Redonda en Do.

  • Tumbal en Sib.

Estas tonalidades máis puramente tradicionais, vense hoxe incrementadas en número grazas ao traballo de investigación de moitos artesáns entre os que cómpre destacar a Antón Corral.

A finais do s.XIX e comezos do s.XX empregouse con moita frecuencia a chamada "gaita de barquín".

Carece de soprete, e o barquín consiste nun mecanismo que fai de fol auxiliar e colocándoo debaixo do brazo dereito, pasa o aire para o fol a través dunha peza de madeira. Este mecanismo, hoxe moi en desuso en Galicia, é empregado en gaitas de outros países, como a “uillean pipe” irlandesa.

 

 

O Gaiteiro de Guillarei, Pontevedra, con gaita de barquín, 1915.

En ocasións por falta de medios económicos ou por ser empregadas para a aprendizaxe, fixéronse gaitas de cana, mais tradicionalmente a madeira de que se construía a gaita era buxo. Hoxe estanse a empregar tamén outras madeiras de importación como granadillo, pau rosa ou cocobolo.

É preciso destacar tamén o traballo de recuperación, investigación e dignificación da gaita que fixo Faustino Santalices desde comezos do s.XX.

 

 

Partes da gaita

 

 

Fol:

 

É o elemento que identifica á gaita como tal.

Tradicionalmente, facíase da pel dun carneiro ou año unha vez curtida.

Tamén chegaron a empregarse moito na década dos 70 e 80, gomas dos pneumáticos dos camións recurtadas e pegadas, ás que se lle engadía na parte inferior unha válvula de bicicleta para eliminar o líquido formado interiormente pola condensación.

Na actualidade, a goma está practicamente en desuso, dando paso ao coiro de becerro, peles sintéticas acharoladas ou ao goretex; todos materiais cun alto grao de absorción da humidade, facendo de regulador dela e mellorando a calidade do son, a afinación (máis doado temperar), e a vida da palleta.

O fol pode estar recuberto co "vestido", que tradicionalmente era de liño, baeta ou veludo; hoxe tamén se empregan ademais outras teas de importación con variadas cores e debuxos.

O vestido pode pechar cunha cremalleira ou con botóns (de metal, sintéticos...).

O fol vai atado ás buxas, e a través delas, comunícase coas outras partes da gaita.

 

Buxas:

 

Son as partes da gaita formadas por tubos cilíndricos, normalmente da mesma madeira que o resto da gaita, e mediante as cales se comunica o fol coas outras partes do instrumento: soprete, punteiro, ronco, ronqueta e chillón.

 

Soprete:

 

Consiste nun tubo de madeira que sirve para inflar o fol introducindo o aire ao soprar. Na súa parte interior ten unha peza de coiro ou goma (coñecida como badana, zapón ou válvula) que impide que o aire poida saír.

 

 

Punteiro:

 

É a parte da gaita onde se executa a melodía.

Sobre a súa etimoloxía existen varias versións:

  • Para algúns, vén da palabra "puntos", coa que antigamente se nomeaba cada un dos sons que emitía o punteiro.

  • Para outros, polo lugar que ocupa dentro dos elementos da gaita.

Está formado por un tubo de madeira cónico, característica que o diferencia de  gaitas doutros países, e que remata nunha campá na parte inferior.

Na parte superior ten un espigo ou rebaixe, que serve para colocar a palleta e tamén, por onde se suxeita á buxa do punteiro que o comunica co fol.

Consta de oito buratos melódicos de diferentes diámetros, sete na parte frontal, dos cales o inferior non está aliñado, senón un pouco inclinado á esquerda (visto frontalmente) para que sexa máis doado de tapar co maimiño da man dereita, e un na parte dorsal para o polgar da man esquerda.

Na parte inferior máis próxima á campá, ten outros tres buratos chamados "ouvidos sonoros". Dous deles están nos laterais, un de cada lado, e o terceiro na parte dorsal, colocado un pouco máis arriba que os anteriores.

A súa función é dar sonoridade ao punteiro.

Algúns artesáns, están a engadir ultimamente uns pequenos buratos (un ou dous, debaixo do burato frontal inferior no lateral dereito, e outro debaixo do que está na parte dorsal dos ouvidos sonoros), que axudan na afinación do punteiro ao podelos tapar ou destapar con cera ou cinta adhesiva.

O tamaño do punteiro varía en función da súa tonalidade (a maior lonxitude acadamos sons máis graves).

Houbo gaiteiros que no seu afán de innovar e acadar algúns sons máis no punteiro, chegaron a engadirlle chaves, como é o caso do famoso gaiteiro Xan Míguez González, máis coñecido como "O Gaiteiro de Ventosela" (1847-1912).

Non obstante, isto supuxo a crítica doutros gaiteiros máis tradicionalistas coma o gaiteiro "Choumín de Céltigos", que lle compuxo os versos seguintes:

Ventosela, Ventosela

moita chavería

na canaveira.

Na actualidade as chaves están en desuso, e até gaiteiros que as empregaron en tempos renegan hoxe delas.

Sobra falar da importancia do punteiro, e que del, vai depender en gran medida a calidade da gaita en canto a timbre e afinación.

 

 

 Palleta:

 

 

 

A palleta podémola dividir en catro partes ben diferenciadas:

  • Láminas de cana: son dúas de cana moi fina que orixinan o son ao vibrar cando pasa entre elas o aire que lles chega do fol.  Deste xeito, o punteiro pertence aos instrumentos de dobre lingüeta.

  • Xugo ou Canga: serve para suxeitar as láminas e protexer o enfiado.

  • Enfiado: co fío, suxéitanse as láminas ao tudel.

  • Tudel ou Caurel: é un paqueno tubo metálico no que se apoian as láminas de cana, facendo de base para o enfiado.

As dimensións da palleta varían en función da tonalidade do punteiro.

Para que axuste ben no punteiro e non haxa perdas de aire, ás veces cómpre engadirlle un pouco de fío.

Si falamos da importancia do punteiro, debemos dicir que a súa calidade tímbrica e afinación, van depender directamente da palleta, xa que é nela onde se orixina o son.

Será imprescindible logo, unha moi boa combinación punteiro-palleta, para acadar o timbre e afinación ideal. Este é o motivo polo que cada artesán palleteiro, normalmente, fai as palletas sabendo cal é o artesán da gaita ou punteiro, e entre ambos, existe un contacto permanente, para deste xeito acadar o máximo rendemento do punteiro.

Algúns consellos básicos para o coidado da palleta son:

  • Mantela sempre no mesmo estado de humidade.

  • Evitar rozamentos no momento de meter ou sacar o punteiro da buxa.

 

 

 

Ronco:

 

 
   

Tamén chamado "roncón", "bordón" ou "vara maior". 

Consiste nun tubo de madeira formado por tres pezas que se xuntan e introducen unhas noutras por medio dos "espigos", podendo así variar a súa lonxitude e con ela a súa afinación.

A lonxitude varía en función da tonalidade da gaita.

A súa función é facer de bordón na tónica da gaita, dúas oitavas por debaixo do punteiro.

As tres pezas que o forman chámanse:

  • Prima: a parte máis próxima ao fol e na que vai colocado o pallón.

  • Segunda: ou parte central.

  • Copa: parte traseira do ronco. O nome vénlle pola forma que ten e que serve para amplificar o son.

Vai decorado con fleques, que colgan desde a prima á copa; na segunda engádense as borlas (de unha a tres), que tradicionalmente era soamente unha.

Farrapos, é unha palabra que se emprega para referirse ao conxunto de borlas e fleques. 

Para a súa afinación co punteiro, alongamos ou acurtamos o ronco, dependendo se queremos que soe máis grave ou máis agudo.

 

 

               Pallón:

 

 

 

Cana 

Plástico e metal

Consiste nunha cana pechada por un dos extremos, perto do que se fai un corte oblícuo que logo se estende paralelo ao longo do pallón.

Así, convértese a cana nunha lingüeta simple que vibra co aire que lle chega do fol.

A separación da lámina co resto da cana é dun milímetro aproximadamente.

Tamén adoita colocárselle unha gomiña ou un fío, que se move cara un ou outro extremo do pallón co fin de afinalo; canto máis curta sexa a lámina que vibra máis agudo será o son que emita, e ao revés.

O pallón colócase na prima do ronco ou ronqueta, e introdúcese na súa buxa correspondente.

Este pallón tradicional séguese empregando hoxe en día, mais cómpre dicir que tamén se fabrican uns pallóns de plástico e láminas de metal, que imitan o son dos anteriores sendo menos vulnerables aos cambios de humidade e temperatura, comodidade que fai que moitos gaiteiros o empreguen.

 

 

  Ronqueta:

    

 

 

 

É coma un ronco en pequeno e consta de dúas pezas:

  • Prima: parte na que coloca o pallón e que se conecta coa buxa do fol.

  • Copa: nome que procede da súa forma de copa e que serve para amplificar o son.

O mesmo que o ronco, fai de bordón sobre a tónica da gaita, mais unha oitava máis aguda ca este, e unha máis grave que o punteiro.

O seu tamaño tamén varía en función da tonalidade da gaita. Afínase do mesmo xeito que o ronco; ao alongar ou acurtar o seu tamaño acadamos sons máis graves ou máis agudos respectivamente.

Adórnase con fleques ou cunha borla.

 

Chillón:

 

 

 

Tamén chamado "ronquillo", "ronquilla", "chieiro" ou "pión".

É máis pequeno que a ronqueta e tamén o forman dúas pezas:

  • Unha na que se coloca a palleta ou pallón no seu espigo e que se mete na buxa.

  • Outra que remata en forma de copa, como xa vimos no ronco e ronqueta. Tradicionalmente atábaselles dunha a outra unha cadea.

Antigamente empregábase palleta, e facía un bordón de dominante.

Hoxe tamén é frecuente colocar un pequeno pallón que fai un bordón de tónica na mesma oitava que o punteiro.

VOLVER