|
Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez
Membranófonos
A pandeira é quizais un dos instrumentos máis milenarios que se coñezan, habendo documentos que dan fe da súa existencia xa en antigas civilizacións como Mesopotamia ou Exipto. Así, existen representacións que datan do III milenio a.C. ou frescos de tumbas exipcias do II milenio a.C., desempeñando unha función relixiosa ou militar. Os gregos chamáronlle "tympanon" e os romanos "tympanum" e empregábase tanto en ritos relixiosos, como en festas populares. Xa entón, era tocado preferentemente por mulleres, costume que tamén perdura en Galicia. Foron moitas as culturas que o empregaron, e na Idade Media acompañou as cantigas de xograres e trobadores. A denominación "pandeira", procede do latín "pandorius", variante de "pandura", e este do grego "pandoura", tendo así a mesma orixe que a galego-portuguesa "pandeiro", como tamén se coñece en Galicia este instrumento. O xénero masculino emprégase especialmente para referirse ao "pandeiro cadrado", e especificando "pandeiro redondo" cando se refire á pandeira. Está formada por un aro de madeira (piñeiro, nogueira...), de tamaño variable e recuberto por un lado cunha pel de cabrito ou de ovella. Nalgúns exemplares antigos, a suxeición da pel ao marco, facíase cunha cordaxe en zig-zag que permite variar a tensión. Aínda que na súa orixe non ten ferreñas, feito que a diferencia das pandeiretas, aparte do tamaño e do xeito de tocarse, tamén adoita levalas. Entón, conta tamén con fendeduras, onde se colocan por pares e en menor número que as pandeiretas. Un xeito de tocala é colléndoa coa man esquerda pola parte inferior, entre os dedos polgar e índice, e percutir cos demais, facendo a parte forte cos dedos da man dereita ao tempo que pode descansar no pulso desta.
A pesar de que é un instrumento que non se emprega moito, ten moitos recursos; ideal no acompañamento da voz e instrumentos que non teñen moito volume sonoro como zanfonas, frautas...
En textos casteláns do século XIII aparece baixo o nome de "panderete", pasando a chamarse "pandeireta", diminutivo de pandeiro, na segunda metade do século XVIII. Aínda que a súa orixe se remonta varios milenios antes de Cristo, os gregos e romanos tiñan un instrumento similar (sen ferreñas) chamado "tympanon" e "tympanum" respectivamente do que a pandeireta é un descendente afastado. Consiste nun aro de madeira sobre o que se tensa nun dos lados unha pel de cabrito, suxeita ao aro a través dun pequeno bastidor cravado no mesmo. O aro posúe un número variable de fendeduras, (actualmente nove ou once), e normalmente alternas en dúas fileiras, nas que se insertan por pares, uns discos moi finos de metal chamados "ferreñas". Na Idade Media, estes discos de metal podían ser substituídos por pequenas campás ou cascabeis e incluso mesturar ambos. É un instrumento que non ten tensadores, polo que a pel, pode estar máis ou menos tensa dependendo da temperatura e da humidade do ambiente. Para tensala, pódeselle dar calor mesmo fretándoa coa man ou expoñéndoa con coidado a unha fonte de calor. Para destensala, pódese humedecer a pel con moito coidado, fretándoa suavemente en movemento círcular cun pano algo húmido.
No cancioneiro Casto Sampedro refírense a elas dicindo que apenas se ven, até o punto de que os construtores de pandeiretas da provincia (Pontevedra) non as coñecen. Por algún motivo caeron en desuso, quizais por ser doado substituílas pola pandeireta que ademais de ter as características tímbricas do metal, engade as da pel. A diferenza doutras culturas, en Galicia, é a pandeireta a que se move e percute contra os dedos ou os puños e non ao revés. Un xeito de tocala é collendoa coa man dereita pola fendedura do aro e percutila contra os dedos ou contra o puño da man esquerda. Hai unha técnica de repenique que consiste en percorrer coa xema do dedo (os bos tocadores fano con calquera dedo e alternando), a zona do parche próxima ao aro, ben cara a dentro ou cara a fóra. Outro xeito é axitándoa simplemente, sen golpes, técnica coñecida como "maneo". Mesturando todas as técnicas citadas anteriormente, acada unha gran riqueza rítmica e variedade de timbres.
O gaiteiro de Guillarei con pandereteira e tamborileiro. Francisco Zagala 1900. Museo de Pontevedra.
Foi moi empregada tradicionalmente por mulleres no acompañamento da voz (ás que se lle deu o nome de "pandereteiras"), facendo así de animadoras en fiadeiros, seráns e festas. Actualmente, este instrumento espertou gran interese, e está a gozar dun rexurdimento impensable non hai moito tempo, tanto en formacións de pandereteiras como no acompañamento da gaita ou calquera outro instrumento. |