Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

  

Idiófonos

Percutidos ] [ Entrechocados ] Raspados ] Sacudidos ] Punteados ]

 

 

  • Tarrañolas

                     

                

óso

granadillo

Tamén chamadas texoletas, castañetas ou trécolas.

É un instrumento formado por dúas pezas planas e rectangulares.

O material empregado para a súa construción é variado e vai desde as madeiras máis nobres (granadillo, buxo...) até outros máis rudimentarios como é o óso, a tella ou a lousa.

Algunhas levan un rebaixe lateral para que se acoplen mellor aos dedos e non se escurran.

O xeito de tocalas é colocando unha entre os dedos índice e medio, e a outra entre os dedos medio e anular. Ao mesmo tempo o dedo medio colócase suxeitando a que está situada entre este dedo e o índice contra a man, inmobilizándoa, para que sexa a outra a que golpea e rebota co movemento xiratorio da man, pulso e antebrazo.

As medidas poden variar duns construtores a outros, pero as máis comúns fabricadas hoxe miden aproximadamente 15 cm de longo, 3 cm de ancho e 0´5 cm de grosor.

É frecuente que varíe a zona inferior onde se entrechoca, podendo ser máis ou menos ancha, de forma rectangular ou de forma redondeada.

As variacións estéticas de ancho, longo, groso, rectangular ou redondeado como das distintas madeiras ou materiais empregados dan lugar a variacións de timbres.

Estas variacións dependen nuns casos do gusto dos construtores e noutros do gusto musical do executante.

Como mostra da súa antigüidade podemos dicir que xa se empregaban no antigo Exipto tendo constancia delo a través de representacions gráficas, e incluso, se conserva algún exemplar tallado en marfil de hipopótamo con forma de mans datado no ano 1430 antes de Cristo.

Foi un instrumento empregado tanto na música popular como na culta. 

 

 

Na Idade Media o rei Afonso X O Sabio, deixounas inmortalizadas na miniatura n.º 330 das Cantigas de Santa María acompañando unha chirimía.

 

 

 

 

  • Castañolas

               

 

                   

 

Instrumento moi estendido en todo o sur de Europa e sobre todo en España e Portugal.

De sempre ligadas tanto á música popular como á culta e consideradas por moitos unha evolución das tarrañolas.

Constan de dúas pezas simétricas, convexas na parte exterior e cun oco na interior para aumentar a súa sonoridade. Este oco chámase corazón e pode ter diferentes tamaños e formas, redonda, cadrada, triangular, de estrela etc.

O material empregado para a súa construción é a madeira, preferentemente de gran dureza como buxo, nogueira, árbores frutais e actualmente pau santo e granadillo.

A cara interior de cada peza non é totalmente plana, para que o son non afogue e sexa limpo e claro.

A súa forma e tamaño varía en función das zonas.

Están xuntas na súa parte superior cun cordón que as atravesa por dous puntos chamados orellas.

Cóllese un par en cada man suxeitándoas co cordón entre os dedos índice e medio.

As castañolas modernas ou de concerto suxéitanse co cordón no dedo polgar, o que permite que os outros catro dedos queden libres podendo así, sacar máis proveito do instrumento.

Sempre hai un par que ten un son máis agudo que o outro. O agudo chámase femia e o grave macho e xeralmente, colócanse nas mans dereita e esquerda respectivamente.

O xeito máis popular de tocalas é acompañando bailes ou danzas.

 

 

  • Culleres

            

 

Poden ser de madeira ou de metal

Nas culleres de madeira empréganse madeiras duras como granadillo, buxo etc. Para acadar unha boa calidade tímbrica e intensidade no son.

A posición do intérprete é sentado ou de pé cunha perna flexionada.

O máis frecuente é empregar dúas culleres.

O xeito de collelas é polos mangos xuntando as dúas culleres coa parte convexa cara a dentro (que é a zona onde se produce o entrechocado), mentres o dedo índice ou tamén índice e medio, fan que ambas as dúas se separen (1 cm aproximadamente) ao colocalos entre os mangos.

Tócanse golpeándoas contra a perna (ao baixar) e contra a outra man  (ao subir), a cal se atopa a uns 20 cm de distancia enriba da perna coa palma cara abaixo.

Para repenicalas, cómpre pasalas na baixada rozando os dedos separados da man esquerda (se o tocador é destro e ten as culleres collidas coa man dereita) empezando polo dedo índice.

As culleres de metal pódense tocar empregando a mesma técnica que as de madeira, aínda que o máis frecuente é collelas coa man esquerda xuntando o lado convexo das dúas cara a dentro, sen introducir ningún dedo entre os mangos. Coa  man dereita collemos outra culler,  que é a que produce o son e marca o ritmo ao pasala entrechocándose co mango por entre as outras dúas.

Cómpre engadir que se xa o timbre cambia en función dos materiais empregados, tamén co distinto xeito de tocalas se incrementa esa diferenza. 

 

Ramona Suárez tocando as culleres de metal.

 

 

 

 
  • Paus

  

 

 

Consiste en dous paus torneados de medidas variables (entre 30 e 40 cm de longo, 3 e 5 cm de diámetro aproximadamente) segundo a zona. As madeiras elixidas poden ser variadas. Canto máis dura é a madeira máis calidade sonora nos achega. De calquera xeito o emprego deste tipo de paus está máis ben relacionado coas danzas e bailes populares e no  acompañamento dos cantos do Maio. Cada danzante leva en cada man un pau, que en determinado momento da danza entrechoca, unhas veces os dous que cada un leva e outras cos das parellas.

Nos maios os paus marcan un ritmo sobre o que se cantan as coplas.

 

En algunhas zonas como o Courel ou os Ancares empréganse tradicionalmente para o acompañamento da música.

Un xeito de tocalos é coller un cos dedos índice e polgar dunha man mentres se fai unha concavidade para aumentar a resonancia. Co outro pao golpéase levando o ritmo desexado.

 

 

  • Canaveira

               

 

Trátase dunha cana que mide entre 50 ou 60 cm de longo e de  2´5 a 4 cm de diámetro á que se lle abre unha fendedura nas súas dúas terceiras partes.

Un xeito de tocala é colléndoa en vertical, coa fendedura cara arriba e suxeitando cunha man no extremo inferior. Coa outra, semiaberta, golpeala entre o polgar e o índice por debaixo da fendedura.

En ocasións, colócase un axóuxere no extremo que enriquece timbricamente o seu son.

Emprégase tanto para acompañar instrumentos como á voz e á danza.

VOLVER