Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

                            

Aerófonos

[ Bisel ] Lingüeta ] Boquilla ]

 

 

Os aerófonos de embocadura de bisel (frautas de todo xénero) son seguramente os instrumentos musicais de vento máis antigos. Son empregados en todas as épocas e pola maioría das culturas, desde a máis sinxela frauta de Pan (varias canas de diferente lonxitude atadas cun cordel, cada unha das cales produce unha soa nota) ás máis evolucionadas frautas modernas. Aínda que as frautas son xeralmente tubulares, tamén poden ser globulares como as ocarinas.

Divídense en tres grupos principais:

  • As que se sopran por unha extremidade de tubo sen maiores modificacións (frautas de Pan ou syrinx).

  • As que posúen unha canle ou conduto que dirixe o aire cara ao bisel (pitos, frautas doces, ocarinas).

  • As frautas traveseiras, nas que a extremidade superior está pechada e o aire entra directamente por un burato aberto nun lateral do tubo.

A súa orixe posiblemente sexa oriental e chegadas a Europa na Idade Media.

Por non termos instrumentos desta época que teñan chegado aos nosos días, as nosas fontes de información son pinturas, debuxos en manuscritos, referencias ao instrumento na literatura antiga ou os gravados en madeira ou pedra.  

 

 

 

  • Chifre de Afiador

               

 

 

 

É unha variante da frauta de Pan.

Empregado por afiadores e paragüeiros (afiadores de navallas e coitelos, amañadores de louza...) e capadores, para anunciar a súa presenza nos pobos e vilas.

En moitos casos están construídos do mesmo xeito que a frauta de Pan, con tubos de cana natural.

Outras, facíanse con ósos de paraugas vellos, graduada a lonxitude e soldados, mais o característico do instrumento é a súa construción nun anaco de madeira (buxo, pau rosa e incluso marfil) tallada, normalmente en forma de cabeza de cabalo.

O número de buratos (e polo tanto de notas), varía entre nove e trece. Teñen distintas lonxitudes e están cegos polo fondo.

Non teñen unha tonalidade definida.

O xeito de tocalo é o mesmo que a siringa, quizais algo máis difícil por teren os buratos menor diámetro.

As melodías eran moi variadas e van desde simples movementos sonoros, ascendentes e descendentes feitos a gran velocidade, a auténticas muiñeiras.

Afiador da portada do CD de Alan Lomax

The Spanish Recordings: Galicia

 

 

 

 

  • Frauta de Pan

              

 

 

A orixe etimolóxica do termo "frauta de Pan", atopámola na mitoloxía grega.

Pan, deus dos pastores e rabaños, namorado da ninfa Siringa (Syrinx), perseguiuna até chegar ao río Ladón. Alí, atrapada e véndose ameazada, pediu axuda aos deuses que a transformaron en cana cando xa estaba en brazos de Pan.

Este, apesarado e triste, ao escoitar zoar o vento entre os cañizos, coidou que era o queixume da ninfa e decidiu cortar as canas, facendo unha siringa que tocaba para expresar a súa tristura.

 

 

 

O deus Pan nun gravado do 1722 de Filippo Bonanni.

 

 

Os gregos influídos por esta tradición, chamárona “Syrinx polykálamos” (frauta policálamo), e á frauta dun só corpo “Syrinx monokálamo”.

Non obstante, xa era coñecida na China no ano 2225 a.C. e no occidente europeo tamén se atoparon restos deste instrumento e estivo en uso durante a Idade Media até o s.XVIII onde aparece xa máis elaborada.

 

 

Frauta de Pan nun relevo galorromano

atopado en Vaison, Museo Calvet, Aviñón.

 

Atopámola desde o Extremo Oriente até Sudamérica pasando polas rexións dos Balcáns e mediterráneas de Europa e no Pirineo francés.

A música medieval europea empregou durante moito tempo a frauta de Pan, chamada "frestel" en francés antigo. 

Podían presentar dous aspectos distintos: canas atadas entre si, ou unha serie de condutos abertos practicados nunha peza de madeira, que sen dúbida é o antecesor do noso "chifre de afiadores e capadores". Algunhas frautas primitivas, tiñan tubos de igual lonxitude que se acurtaban interiormente con cera para afinar.

O son, acádase soprando sobre o burato superior de cada cana ou furado, que ao ter distintos tamaños dan notas distintas.

En Galicia foi un instrumento de pasatempo pastoril e tamén se empregou en ocasións facendo a función de chifre de afiadores e capadores.

                                                                                    

 

 

       

                                   

 

 

  • Pito

  

               

 

 Cana Paulino Basilio Corral

                                                             

O pito galego, como todas as frautas, foi un instrumento de pasatempos pastoril, mais pouco a poco foi acadando unha perfección que lle confire dúas oitavas cromáticas, ideal para tocar el só, acompañando á voz, con percusión, zanfonas, requintas ou con gaitas.

Ten características similares á frauta de pico, mais cunha diferenza que radica na dixitación, que é moi similar á da gaita.

Esta característica é a que o converte nun instrumento especial, xa que a técnica e a articulación da frauta mestúrase coa dixitación da gaita, podendo empregarse tamén picados e ornamentos de dedos propios dela. Unha das funcións do pito era e segue a ser a dun instrumento de estudo previo á gaita ou para exercitarse sen o volume ou a aparatosidade de transporte desta.

Antigamente, fabricado con cana ou sabugueiro por nenos e afeccionados e logo, con buxo e outras madeiras de importación como granadillo.

Pode que noutro tempo a súa forma fose ben distinta a como hoxe se coñece:

“... y que la flauta travesera, o de forma alemana, en sus distintos tamaños, de ordinaria, tercerola y flautín, vino a sustituir al pito de boquilla biselada y de cuatro agujeros que, quintando daban más de una octava...” (Cancioneiro Castrosampedro, pax. 203).

 

 

 

 

 

Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. s.XIII. Ancián con dúas frautas de tres buratos.

Aquí, fálase dun pito de "catro" buratos, cando actualmente o máis elaborado ten oito (supoñendo que se refira ao mesmo instrumento). 

Tal como o coñecemos hoxe estivo a piques de desaparecer.

Basilio Carril, artesán de Santiago e Paulino Pérez de Lugo, foron os últimos construtores coñecidos que os fabricaban tradicionalmente en Mi bemol.

Seguindo un modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construción cunha innovación: a tonalidade de Re, ideal para acompañar a outros instrumentos como a zanfona, requinta ou gaita.

O artesán Miguel Mosquera, discípulo de Corral, aumentou a tonalidade a Sol e recentemente a Do soprano e Re tenor, ampliando así as súas posibilidades interpretativas.

As características do pito son (medidas para o de tonalidade en Re):

  • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel.

  • Está formado por dúas pezas: 

- Boquilla con bisel, onde se produce o son. Mide uns 11 cm.

- A cana con sete buratos frontais, un ou dous deles pode ser dobre (os das notas Re e Mi graves), e outro na parte dorsal para o polgar da man esquerda. Mide uns 22 cm.

  • Ten un tamaño total de 32 cm, que pode variar en función da tonalidade.

  • Fabrícase tradicionalmente en madeira de buxo, aínda que agora se están a empregar outras madeiras de importación como o granadillo.

  • A extensión musical do pito é de aproximadamente dúas oitavas cromáticas máis dúas notas no sobreagudo, o que lle permite tocar en calquera tonalidade, aínda que as máis empregadas sexan Re, Sol e Do.

  • A súa dixitación é semellante á da gaita, polo que tamén se emprega para a aprendizaxe desta; de feito, gran parte dos vellos gaiteiros aprenderon neles, fabricados en cana ou sabugueiro, antes de poder mercar unha gaita.  

Máis información na web: www.pitogalego.gal

 

 

 

Pitos en tonalidade de Sol, Do e Re. Artesán: Miguel Mosquera.

 

 

  • Ocarina

  • Asubío

   

ocarina

  asubío

O nome vén do italiano "ocarina", que significa "oca pequena", e converteuse no termo xenérico para as frautas deste tipo en todo o mundo.

A ocarina de cerámica, ten probablemente máis de 12.000 anos de antigüidade. Chifres pequenos con forma de paxaros ou outros animais, feitos de terra cocida, sábese deles na India ou China hai 6.000 anos aproximadamente. 

Entre as reliquias arqueolóxicas, hai un instrumento chinés de vento en forma de ovo; o "Xun", feito de barro, con seis buratos e unha abertura para a embocadura. O Xun ten unha historia de máis de 7.000 anos.

Tamén foron empregadas na África negra e na América precolombina por aztecas, maias e incas. Cada membro da tribo dos indios do val do Ulua de Honduras, tiña unha ocarina personalizada, e ao tocar, podía ser recoñecido polos demais membros.

Normalmente empréganse como instrumento de chamada ou reclamo, mais tamén se empregaban para marcar o ritmo na danza.

É un instrumento de corpo xeralmente ovalado, e tanto en Asia, África ou América presentan as mesmas características e similitude en canto á forma e material empregados na súa construción.

Posúe unha embocadura en canle onde se produce o son ao soprar, e un número variable de buratos que, tapando ou destapando cos dedos ao tempo que sopramos, dan as distintas notas.

A ocarina moderna foi inventada polo italiano Giuseppe Donati no ano 1853. Constrúese en metal cunha embocadura en canle e oito buratos que dan os sons comprendidos na oitava.

Acadou gran popularidade e incluso se lle engadiron chaves.

As que se teñen empregado en Galicia son de barro cocido e incluso algunha de chumbo. Seguramente eran de importación, non sabéndose de ningún artesán que as fixese antes de que o artesán Manuel Barreiro O Paparolo se asentase en Santiago para fabricalas en barro cocido e nas dúas formas básicas:

  • forma elíptica, con oito buratos colocados case en liña recta, na parte superior e dous na inferior, para os polgares.

  • forma ovalada, con catro buratos na parte frontal, formando un cadrado (que se tapan cos dedos índice e medio de cada man), e un na parte dorsal para o polgar da man esquerda.

Constrúense en varias tonalidades, variando o tamaño, e teñen un timbre suave, "oco", case sen harmónicos superiores.

En Galicia recuperárona grupos folk a partires da década dos setenta.

 

 

 

 

     

 

 

 

  • Frauta Traveseira  

                

 

 

De esquerda a dereita, frauta de buxo (afumado) e sen chave, de granadillo e prata cunha chave e de granadillo e buxo con barrilete e dúas chaves.

 

A frauta traveseira é basicamente un tubo cilíndrico ou cónico, pechado na cabeza e aberto no outro extremo. A cabeza contén a embocadura, que nos instrumentos máis antigos é un sinxelo burato por onde se empuxa o aire para producir o son.

Unha das representacións máis antigas que se coñece data do s.XI, e atópase nun salterio de orixe bizantina conservado na British Library; nunha das súas miniaturas, aparece o rei David tocando unha frauta traveseira.

Tanto as traveseiras como as rectas ou de pico, xa eran coñecidas nas antigas civilizacións mesopotámicas, como mostran diversas iconografías que datan do III ou IV milenio a. C.

Na Idade Media e no Renacemento eran dunha soa peza cilíndrica e seis buratos para a dixitación, e tiña unha embocadura redonda e bastante pequena.

A lonxitude era de 71,6 cm e o diámetro de 1,8 cm.

 

Miniatura n.º 240 das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio. S.XIII.

Aínda que tivo certa importancia, era menos aprezada que a de pico, que estaba máis perfeccionada. Tamén se empregou como instrumento militar (piffano ou fiffaro). A España, chegan da man dos soldados suízos contratados polos Reis Católicos, e axiña se xeraliza o seu emprego na milicia como instrumento para dar os toques para a loita e os servizos (Recoller, Camiñar, Marcha, Retirada, etc.).

Tamén sen dúbida, o Camiño de Santiago foi unha vía de chegada de frautas de Europa, o mesmo que do resto dos instrumentos.

Na segunda metade do s.XVII comézanse a construír frautas traveseiras con tubos interiores (taladros) cónicos e cunha chave para o maimiño da man dereita.

En Europa xeralízase o seu emprego tanto entre os músicos profesionais como entre os afeccionados. A frauta doce é pouco a pouco substituída pola traveseira, instrumento talvez de maior expresividade, con maior potencia sonora e con diferentes cores nos seus rexistros.

O instrumento na súa versión culta ou máis elaborada, consta de tres pezas: cabeza, corpo e pé, como tamén de tres partes constan as nosas frautas de morfoloxía máis sinxela.

 

Posteriormente, o corpo ou parte central que tiña os seis buratos foi dividido en dous, cada un con tres buratos para cada man.

 

 

 

 

Traverso de buxo con chave (1750).

No Barroco, a afinación das orquestras e agrupacións de cámara non é uniforme, polo que os fabricantes constrúen varios corpos de recambio, até sete de distintos tamaños, para poder adaptarse a estas variacións.

A finais do s.XVIII  fóronse engadindo chaves para acadar de xeito máis doado as notas cromáticas, e poder tocar nas tonalidades que a música de cada período esixía.

 

 

 

 

Frautas de granadillo con cinco chaves e granadillo con cabeza de marfil con nove chaves.

 

 

Estes tipos de frauta, tamén se empregaron en Galicia a finais do s.XIX e comezos do s.XX, tocando ben soas ou con outros instrumentos.

 

Frauta, gaita e tambor no baile da Ribeirana, s. XX. Foto: Pedro Ferrer.

 

Na metade do s.XIX, Theobald Boehm (1793-1881), frautista e inventor, fai unha gran transformación na frauta traveseira. Ideou un sistema de chaves que logo influenciou a todos os demais instrumentos de vento.

 

 

 

 

 

Frauta moderna sistema Boehm.

 

Boehm trocou o taladro cónico por un cilíndrico, pero perforando na frauta todos os buratos necesarios e do diámetro axeitado para dar todas as notas da escala cromática. 

No s.XIX a afinación temperada reemprazou ás afinacións empregadas anteriormente, e os instrumentos tiveron que adaptarse a estas esixencias.

 

En Galicia, as máis sinxelas foron fabricadas por pastores con materiais da natureza como canas ou sabugueiro, que xa traen un furado natural e só cómpre engadir o burato da embocadura e os da dixitación. Moitos gaiteiros vellos iniciáronse antes con estas frautas.

 

 

Frauta pastoril portuguesa de sabugueiro.

 

Posteriormente, nun intento de acadar unha mellor calidade sonora e de afinación, pasou a fabricarse en madeira de buxo, aínda que na actualidade se empreguen outras madeiras de importación como granadillo, pau rosa, cocobolo etc., que debido á súa dureza, ofrecen un son nítido e de gran calidade.

Entre as características xerais da frauta traveseira galega podemos destacar as seguintes:

  • Pertence aos instrumentos da familia de vento madeira de bisel e das frautas traveseiras.

  • Constrúense en tres, catro ou cinco pezas, que encaixan unhas noutras, e teñen un tapón que se coloca no extremo da embocadura e serve para corrixir a afinación.

  • A fura interior é cónica, con máis diámetro na parte da embocadura.

  • Constrúense en varios tamaños en función da tonalidade.

  • Teñen seis buratos frontais, e algunhas teñen unha ou máis chaves que aumentan o seu cromatismo.

A súa extensión é de aproximadamente dúas oitavas, mais iso depende de varios factores, entre os que podemos destacar:

  • As características propias da zona.

  • O número de chaves.

  • O saber facer do artesán que a constrúe.

  • A técnica do executante.

Aínda que as hai en varias tonalidades, a de Sol quizais sexa a máis empregada, sobre todo para tocar con gaitas en Do, aínda que ela por si soa tamén pode facer a festa, habendo moitas citas que así o demostran.

As frautas de tonalidade de Do e Re agudos, son máis pequenas e tamén se lles chama "Pífanos" ou "Pínfanos". Estes nomes empréganse en numerosas ocasións para referirse aos “frautíns”, que son frautas tamén en Re agudo, na maioría dos casos de importación, e poden ter até cinco chaves.

 

 Gaiteiros de Soutelo con frautín. Ano 1919.

A que se constrúe en tres pezas, pode levar anelado de corno ou metal como prata ou ser totalmente de madeira. Estas partes chámanse popularmente:

  • Cabeza ou embocadura, onde vai o burato que orixina o son, e ademais, é a peza de maior diámetro. Mide uns 15,5 cm e ten un furado cilíndrico. A embocadura ten un tapón incrustado duns 3,5 cm de longo que serve para afinar a frauta.

  • Corpo ou corpo central, onde se colocan os dedos da man esquerda. Mide uns 16 cm e ten un furado cónico inverso (máis ancho cara á embocadura).

  • Pé ou parte final, onde se colocan os dedos da man dereita e as chaves, no caso de que as leve. Mide uns 16 cm e ten un furado cilíndrico.

Na súa forma, é similar ao tipo de frauta que se construíu en Europa na segunda metade do s.XVII, con tubos interiores cónicos e á que tamén se lle engadía unha chave.

A frauta traveseira galega, que por tradición conta con máis pezas, é a que se atopa na zona do Ulla. Coñécese co nome de “requinta”.

Ten unhas características propias, tanto na morfoloxía como na dixitación, debido quizais á evolución que seguiu nas mans dos propios artesáns da zona.

A requinta é moi popular no acompañamento das gaitas e incluso define á agrupación que a emprega. Ex. Grupo de requinteiros “A requinta de Carcacía”.

 

 

 

Frauta do Ulla: requinta.

A dixitación tamén pode cambiar dunhas frautas a outras, seguramente, no empeño dos artesáns de acadar a máxima afinación e extensión do instrumento.

Están formadas por cinco pezas:

  • Embocadura ou pecho dos beizos, onde se produce o son. Mide uns 16 cm e ten un furado cilíndrico. A embocadura ten un tapón incrustado duns 3,5 cm de longo que serve para afinar a frauta.

  • Barrilete, peza con forma de barril como o seu nome indica. É onde se afina. Mide uns 7,6 cm e tamén ten un furado cilíndrico.

  • Terceiro pecho ou primeiro corpo, onde se colocan os dedos da man esquerda. Mide uns 16,5 cm e ten o furado cónico inverso.

  • Cuarto pecho ou segundo corpo, onde se colocan os dedos da man dereita. Mide uns 11,7 cm e ten furado cónico inverso.

  • Pecho da chave ou pecho da clave, cun burato con chave que se acciona co maimiño da man dereita. Mide uns 7,6 cm e furado cónico inverso.

VOLVER